I+D para caraduras
CALEIDOSCOPIO | INMA LÓPEZ SILVA
I+D para caraduras
Xa podo durmir tranquila. O I+D deste país está a salvo con investigacións coma a presentada na Universidade de Valencia: as mulleres guapas estresan. Tirémoslle a frivolidade xornalística: polo visto, probaban unha hormona relacionada co estrés e fixeron o típico experimento de ton zoolóxico consistente en meter uns homes nunha sala e ver que pasa cando entra un home, cando entra unha muller fea e cando entra unha muller guapa. Con investigacións así de esclarecedoras axiña sairemos da crise e seremos un país competitivo.
Todas as disciplinas teñen que poder traballar, poderían dicirme. E estaría de acordo se non soubera que hai disciplinas que traballan e outras que non en virtude dun reparto dos cartos feito con fórmulas algo arbitrarias. Por iso eu contesto que cando se investiga na típica disciplina cuxa utilidade semella secundaria, a seriedade na publicación dos resultados é clave para acreditar o sentido de investigar: cambiar a forma de entender o mundo e o ser humano. E sinceramente: ¿non preferirían coñecer cunha aparencia máis intelixente e mesmo cun toque menos machista iso de que a beleza sobe o estrés? As que investigamos en artes, moi poucas veces con cartos públicos, nunca precisamos que un psicólogo nos pechara nunha sala para sabelo.
http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/05/10/0003_8473652.htm