Cargando...
 
Medios y noticias

Medios y noticias


A crise tamén lles afectará ós novos investigadores

mensajes: 238


http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=475&idNoticia=474490


DAVID GARCÍA PÉREZ, INVESTIGADOR E VOCEIRO DA ASOCIACIÓN PRECARIOS GALICIA
A crise tamén lles afectará ós novos investigadores
06.10.2009 Nun marco xeral de degradación da carreira científica, coa desaparición de bolsas e de contratos, chegou o anuncio da redución dos orzamentos de I+D+i
X.N. . SANTIAGO

David García Pérez considera que o gran problema da investigación é que os seus ‘prazos’ non coinciden cos dos políticos FOTO: X. Neira
David García Pérez considera que o gran problema da investigación é que os seus ‘prazos’ non coinciden cos dos políticos
FOTO: X. Neira
Precarios Galicia é unha asociación de mozos investigadores que leva xa oito anos loitando pola mellora das condicións na nosa comunidade destes traballadores, pois así é como entenden eles a carreira investigadora, como un traballo que merece un contrato.

Ademais, Precarios Galicia está integrada na Federación de Jóvenes Investigadores (FJI), unha organización que persegue os mesmos obxectivos e que conta con representación a nivel estatal. O actual voceiro de Precarios Galicia, e un dos seus representantes diante da FJI, é David García Pérez, quen por outra banda tamén é investigador no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Sucedeu como voceiro de Precarios a Jorge Pérez Maceira, quen hai dous anos tamén apareceu nas páxinas deste suplemento comentando a situación na nosa comunidade, só uns meses despois de que se promulgase o Estatuto do Persoal Investigador en Formación, no 2006.



Panorama da situación actual, pasada e futura

E agora, con David García, miramos cara a atrás, ó pasado, pero sen perder de vista o futuro nin un presente que dende a asociación Precarios ven desesperanzador: as razóns desa visión pesimista son que, dunha banda, se eliminan as bolsas para os primeiros anos da carreira investigadora, nos que antes se realizaban os estudos para obter o Diploma de Estudos Avanzados, ó transformarse nun novo título de máster, de acordo ó Plan Boloña.

Pola outra banda tamén se están reducindo, cada vez máis, as bolsas e mais os contratos do Incite, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

Sobre isto último, explícanos David García Pérez que "xa sabiamos que ía haber unha redución de bolsas, de axudas, pero estivemos mirando os anos pasados, e vimos que dende que saíu o Plan Incite hai unha clara tendencia, que cada ano saen menos". Agrega que "cremos que este é un bo plan para a carreira investigadora, que ten os seus defectos, que non nos gustan, pero estamos vendo que cada ano que pasa vai a menos, e ademais acaba o ano que vén, co cal hai que ver como están as cousas, e tratamos de facer un aviso, dicindo que por este camiño non imos ben en canto a investigación".

En canto á desaparición das bolsas co novo sistema de másters, opina David García que "non eran ningunha marabilla, porque esa era a peor parte do plan de investigación en Galicia, de cara a facer a tese doutoral, pero polo menos era unha axuda para que a xente non tivese que seguir vivindo dos pais ata que tivese o título equivalente ó DEA, o Diploma de Estudos Avanzados".



Dificultades para facer a tese doutoral en Galicia

Ademais, engade o voceiro de Precarios Galicia, que tras obter o DEA ou equivalente, para realizar a tese, "se non consegues
unha bolsa do Estado, unha FPU (Formación de Persoal Universitario) ou unha FPI (Formación de Persoal Investigador), que son bolsas-contrato do Estado, o problema é que no sistema galego só che financian dous anos para facer unha tese doutoral, e unha tese non se fai en dous anos. Unha tese doutoral é un traballo de formación, un traballo de investigación por parte da persoa, que leva polo menos uns catro anos, que é o que adoitan financiar outras convocatorias".

Con todo, recoñece David García que, "falando con xente doutras asociacións como a nosa, pero doutras comunidades, dinnos que un plan como o que hai aquí, que é un plan que che di claramente os pasos que tes que seguir para ser investigador en Galicia, non existe noutras comunidades", e tamén que, "actualmente, é un dos mellores plans que hai para formación e estabilización de persoal investigador a nivel de comunidade autónoma, incluso é equivalente ó que se ofrece a nivel estatal, polo Goberno central".



Incerteza sobre o que pensa facer a nova Xunta

Por iso, explícanos García Pérez que "agora a nosa preocupación é saber se a nova Administración galega pretende seguir co Incite, e para iso temos contacto con eles; faláronnos xa de varias propostas, pero agora da última que sabemos foi o anuncio de Alberto Núñez Feijóo ó abrir o curso 2009-2010, na Universidade da Coruña sobre, a axencia de I+D+i".

Para empeorar as cousas, hai uns días chegaba o anuncio do Goberno central sobre os orzamentos estatais do 2010, que para os traballadores no ámbito da investigación viñeron a ser como esa gota que reborda o vaso: nominalmente, o recorte en I+D+i civil será dun 3,9%, e aínda que o venres pasado a vicepresidenta Fernández de la Vega aseguraba que se farán máis contratos, isto sería dificilmente compatible cunha situación xeral na que diminúe o número de proxectos subvencionados.



As "palabras bonitas" do presidente Zapatero

E sobre isto, lembra David García que "Jose Luis Rodríguez Zapatero dixo que ía cambiar o modelo económico de España, que se tentaría basealo na investigación e o desenvolvemento, pero se en época de crise ti non intentas apostar aínda máis, subir o orzamento, se intentas manter o que había antes, aquilo só foron unhas palabras bonitas que dixeches nun discurso". Porque, o problema de raíz, para o voceiro dos mozos científicos galegos é que "a investigación non é moi vendible politicamente", xa que os prazos de reelección dos cargos non coinciden cos prazos en que a ciencia pode dar froitos.

Por todo isto, os mozos investigadores, a nivel autonómico e estatal, están pensando na posibilidade de organizar mobilizacións e manifestacións, como fixeron en anteriores ocasións, para darlle visibilidade ó seu problema, e ver de conseguir melloras.

A este respecto, recórdanos David García Pérez que "dende que comezamos con isto no ano 2001, ata agora no 2009, a cousa cambiou moito para mellor, pero agora parece que en vez de dar pasos cara a adiante todos os anos, xa comezamos a ir cara a atrás".

Apúntate a la lista precarios-info

 

Colabora

  • Donar con tarjeta o PayPal: