16 millóns a I+D+I
PLAN GALEGO
16 millóns a I+D+I
A Consellería de Economía financiará a contratación "con todos os dereitos laborais" de 246 novos científicos e tecnólogos a universidades e centros de investigación
REDACCIÓN . SANTIAGO
A Consellería de Economía e Industria destina máis de 16 millóns de euros ao financiamento de 246 novos contratos para a incorporación laboral de investigadores e tecnólogos a universidades e outros centros de investigación, no marco do programa de recursos humanos do Plan Galego de I+D+i.
Segundo explicou onte o director xeral de I+D+i da Xunta, Ricardo Capela, as tres universidades galegas son as principais beneficiarias das resolucións publicadas a mediados de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG), xa que concentran o 76 por cento dos fondos.
En concreto, Economía e Industria, con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), subvenciona a contratación de 190 investigadores e tecnólogos por parte das tres universidades galegas, o que supón un investimento total de 12,2 millóns.
O resto dos profesionais vanse incorporar, grazas a estas axudas xestionadas pola Dirección Xeral de I+D+i, a centros de investigación e institucións non universitarias sen ánimo de lucro que desenvolven tarefas de innovación. "O obxectivo é aumentar o persoal dedicado e especializado en actividades de I+D+i", aseverou Capela, para resaltar que esta meta se cumpre financiando contratos "con todos os dereitos laborais" e non mediante bolsas.
Así, explicou que a Xunta lles transfire os fondos aos organismos científicos para que realicen eles as contratacións, co fin de que os investigadores e tecnólogos que se incorporan ao mercado laboral "non teñan ningunha queixa" en relación coa percepción dos seus salarios.
O programa de recursos humanos do Plan Galego de I+D+i establece dúas carreiras, a científica e a tecnolóxica, e estrutura cada unha delas en diferentes subprogramas, segundo a fase na que se atope o profesional.
En canto ó sector privado, o director xeral lembrou que están deseñando un plan "diferente" para o 2011, no que se teña en conta o ámbito empresarial, para unha "posta en valor destes resultados de investigación e desenvolvemento tecnolóxico das universidades, mediante resultados tanxibles para as empresas". Mentres, está funcionando a rede de xestores de innovación para as empresas.
Cinco programas para formación e consolidación
O programa de captación de científicos divídese en tres etapas. A primeira, de formación, estrutúrase a través do programa María Barbeito, dirixido a titulados superiores. Deste xeito, 73 investigadores poderán preparar o seu doutoramento, cunha dotación anual de 20.440 euros durante dous anos. O investimento total é de 2,9 millóns.
A segunda etapa, de incorporación, apóiase no programa Angeles Alvariño, destinado á contratación de investigadores cun doutoramento recente. O investimento é de 3,6 millóns para contratar 43 novos doutores, cunha subvención máxima de 28.000 euros anuais durante tres anos; e no Parga Pondal, que nesta edición permitirá contratar durante tres anos 31 doutores que xa teñen acreditada unha formación en organismos científicos. A axuda bruta anual por traballador é de 36.000 euros.
A etapa de consolidación estrutúrase no programa Manuel Colmeiro, que garante a continuidade dos contratos de 13 investigadores de alto nivel nas universidades. Financiaranse ata o 2011.
Finalmente, o Programa 13 de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora en Galicia, que financia a contratación estable de investigadores cunha traxectoria destacada no Sistema Público de I+D+I. Nesta convocatoria, concédense 15 axudas.
Dúas liñas para captar 84 técnicos
A convocatoria de Recursos Humanos define tamén unha carreira de tecnólogo. O programa divídese en dúas liñas. A primeira correspóndelle ó programa Lucas Labrada, que fomenta a formación e especialización en xestión de proxectos de I+D+I en organismos públicos e privados. Dentro do mesmo, concederanse 1,5 millóns de euros, cos que financiar 39 prazas cunha duración de dous anos por contrato. A dotación bruta anual é de 18.000 euros para os titulados en Formación Profesional de Grao Superior ou universitarios de primeiro ciclo; e de 21.000 euros para os titulados universitarios superiores.
Para rematar, o programa Isabel Barreto apoia a incorporación destes mesmos profesionais, cunha dotación total de 2,7 millóns de euros. Os organismos beneficiados poderán formalizar 45 novos contratos cunha duración de dous anos, subvencionados cunha contía anual que oscila entre os 24.000 e os 36.000 euros, segundo o grao académico.
Fóra bolsas se hai "pensionazo"
O voceiro da Federación de Mozos Investigadores, Salomón Aguado, pediu onte que se terminen as bolsas e sexan contratados desde o comezo da carreira investigadora, se sae adiante a proposta do Executivo de Rodríguez Zapatero de ampliar a idade laboral ata os 67 anos. Aguado explicou que os investigadores obteñen o seu primeiro contrato e, xa que logo, comezan a cotizar, a partir dos 35 ou 40 anos, tras un longo período de bolsas de posgrao á marxe da cotización á Seguridade Social. "Dada esta situación, moitos investigadores vense obrigados a traballar máis aló dos 65 anos para lograr unha pensión completa", comentou.
Sinalou a súa esperanza de que a futura Lei da ciencia, tecnoloxía e innovación, da que o ministerio que dirixe Cristina Garmendia presentará un borrador definitivo este mes, recolla estas propostas.
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=78&idNoticia=512607