A candidata nacionalista reuniuse en Santiago coa asociación Precarios Galicia
Xornal de Galicia
Ana Miranda reclama que Galicia xestione os fondos europeos
A candidata nacionalista reuniuse en Santiago coa asociación Precarios
Galicia.D.L / SantiagoActualizado 19/05/2009 - 00:17 h.
A cabeza de lista do BNG nas eleccións europeas do vindeiro 7 de xuño, Ana Miranda, reclamou onte que sexa a Xunta quen xestione “directamente” a distribución dos “fondos estruturais”, especialmente, di, “dos fondos FEDER relativos ao Fondo Tecnolóxico” da UE.
No transcurso dun encontro coa asociación ‘Precarios Galicia’, que agrupa a persoal investigador e técnico universitario non contratado, Miranda apuntou que o BNG demandará dende a Eurocámara que estes fondos “non se empreguen unicamente como axuda á industria”, senón tamén “para xerar emprego mediante a contratación de persoal investigador”.
Neste sentido, di Miranda, “o BNG trasladará ás institucións europeas, durante a negociación dos fondos”, que se iniciará o vindeiro ano, “a demanda de que a Comisión Europea teña en conta como feito diferencial a fuga de cerebros” que, en opinión da candidata nacionalista, “sofren nacións como Galiza”.