Cargando...
 

Medios y noticias


Suspenso a Garmendia tras un ano de xestión

mensajes: 537

balance

Suspenso a Garmendia tras un ano de xestión

A ministra presenta hoxe o borrador da futura Lei da ciencia e a tecnoloxía para pasar do sistema produtivo á sociedade do coñecemento

E.P. . MADRID

Un ano despois da súa creación, o Ministerio de Ciencia e Innovación -ata hai unha semana tamén de Universidades- preséntalles hoxe ás comunidades autónomas, no marco do Consello Xeral de Ciencia e Tecnoloxía, o "borrador cero" da futura Lei da ciencia e a tecnoloxía, que substituirá á vixente Lei de fomento de coordinación xeral para a investigación científica e técnica de 1986. O Goberno ten previsto ter un novo texto "a finais do mes de abril", tras o período de consultas con todos os axentes implicados, desde formacións políticas, comunidades autónomas, sindicatos ou parques tecnolóxicos, confirmou o secretario xeral de Política Científica do Departamento, José Manuel Fernández de Labastida.

En canto á memoria económica que vai adxunta ó borrador da Lei da ciencia, o ministerio atópase "traballando niso", pero "non vai ser cara, é importante aclaralo, xa que se trata dunha lei marco que crea instrumentos e órganos sobre os que desenvolver as políticas de fomento da investigación. Vai estar máis orientada a eliminar barreiras para a investigación", aclarou Labastida.

O pasado mes de febreiro, coa entrega deste primeiro borrador ó Ministerio de Ciencia, tanto Goberno como expertos coincidiron en que a futura lei debe "contribuír" ó cambio do sistema produtivo español cara a outro baseado na sociedade do coñecemento, así como facerlles fronte ás actuais necesidades do sistema de ciencia e tecnoloxía. Entre estas destacaron aspectos como a mellor coor- dinación entre as administracións públicas; o desenvolvemento dunha carreira investigadora que lles ofreza maiores oportunidades ós científicos; o deseño de novas formas de cooperación entre os sectores público e privado; a regulación de novos instrumentos organizativos e de xestión; e a necesidade de intensificar as actuacións de transferencia e de internacionalización.

Para a ministra de Ciencia, Cristina Garmendia, coa entrega do texto deuse "un paso decisivo" para que España se sitúe entre os "máis competitivos" a nivel internacional e subliñou a súa intención de que a lei "se aprobe nas Cortes co maior apoio dos grupos parlamentarios". Entre outros problemas, este texto provisional non conta co beneplácito do sector universitario, quen di non sentirse representado no texto. Na opinión de Labastida, o papel das universidades "está ben representado" neste primeiro informe e "desde o principio" estivo moi presente. Así, resaltou que un dos avances que mostra ten lugar na parte de recursos humanos e é referente persoal investigador en formación. "Avánzase moitísimo na súa contratación laboral, que ten parte da súa actividade cuberta por unha bolsa e outra parte por un contrato. Agora pasarase a un contrato durante todo o período de realización de tese de doutoramento", engadiu.

Outra das "frontes abertas" que presenta este borrador atópase na creación dun Comité de ética con funcións duplicadas co actual Comité de Bioética de Sanidade, así como a reorganización dos Organismos Públicos de Investigación (OPI"s) nun "superopi" xunto ó Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), entre outros.

E é que logo dun ano de existencia, e tras a escisión de universidades, que de novo pasa ó Ministerio de Educación, con Ángel Gabilondo á fronte, o ministerio de Cristina Garmendia suspende para a oposición, os socios parlamentarios e os mozos investigadores.

Os portavoces na materia das diferentes formacións resaltaron que dubidan sobre a súa continuidade, tras a perda das universidades, a "metade" da súa carteira. Así, parte deles solicita a súa dimisión e achácanlle á súa "mala xestión", unha desorde orzamentaria así como conflitos cos departamentos ministeriais de Sanidade e Industria, ademais da falta de impulso da I+D+i para saír da crise económica, o atraso nas convocatorias ministeriais, ou temas pendentes como o Estatuto do Estudante Universitario ou o descoñecemento da sociedade en canto ó Espazo Europeo de Educación Superior 2015 (EEES), coñecido como Plan Boloña, do que xa non dispón.

"A mutilación do ministerio un ano despois de crearse é a proba concluínte do fracaso. A partir de agora a investigación universitaria, practicamente a metade da ciencia xerada en España, quedará fóra da súa responsabilidade, como xa o estaba toda a I+D relacionada coas telecomunicacións e as tecnoloxías da información e o conxunto da Innovación, responsabilidade das autonomías. Nada xustifica xa a pervicencia deste mini-Micinn", critica o portavoz "popular" de Ciencia, Gabriel Elorriaga.


"O Ministerio desínflase", din os mozos investigadores

Ó ver da Federación de Mozos Investigadores (FJI-Precarios), as expectativas xeradas polo Goberno ó crear este Ministerio fóronse "desinflando" polos desacertos na súa xestión. "Este ano de continuos despropósitos culmina cun recorte de competencias que deixa mutilado o ministerio", sinalan, e apuntan que a xestión das axudas predoutorais e dos contratos posdoutorais segue sendo "desastrosa e deficiente".

Así, indicaron que o Micinn "fracasou" no seu obxectivo por instaurar unha carreira investigadora "digna" e por homoxeneizar as convocatorias. "Non evitou os atrasos inxustificados, a excesiva burocracia e a ausencia de convocatorias, que mantén a miles de investigadores traballando durante meses sen financiamento", engaden.

En canto á remodelación do Goberno, precisaron que esta situación suporá un problema de coordinación que afectará á Lei da ciencia e a tecnoloxía e ó Estatuto do Persoal Docente e Investigador. Neste sentido, comentan que se o obxectivo é cambiar o modelo produtivo baseado na construción por outro fundamentado na innovación e o coñecemento, é "ilóxico e ineficiente" que non se conte coas universidades.

A CERNA "Vasos comunicantes"

As universidades representan o 60% da investigación científica española, así que os dous ministerios terán que traballar neste campo e na transferencia tecnolóxica como vasos comunicantes. Así, o novo ministro de Educación, Ángel Gabilondo, e a titular de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, mantiveron xa o luns o seu primeiro contacto.Amais da adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior, co horizonte no 2010 para a adaptación das titulacións, Gabilondo ten que facerlle fronte ó movemento "antiboloña"

A Boloña súmanse a aprobación do Estatuto do Estudante Universitario ou o Estatuto do Persoal Docente e Investigador, actualmente en proceso de negociación. Tamén desenvolver a Estratexia Universidade 2015, cuxo eixe é o Campus de Excelencia Internacional, co que se pretende a modernización das instalacións universitarias e a mobilidade internacional dos docentes e alumnos.

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=78&idNoticia=416196

Apúntate a la lista precarios-info

 

Colabora

  • Donar con tarjeta o PayPal: